Dodro, decembro de 1974

Dende moi pequena o meu contacto coa música nace do vínculo co meu avó, autodidacta, amante da música e a natureza. Longas horas a carón del no silencio da palabra e a sonoridade dos instrumentos de vento.

Aos 7 anos comezo os meus estudos no conservatorio de música, iniciándome logo na especialidade de piano.

Participo dende moi nova como solista no coro da igrexa, o meu primeiro contacto co público, ademáis de cantar na taberna do meu avó. Espiritualidade e charanga, unha boa combinación.

infancia

Mais tarde estudo educación musical na Universidade de Santiago de Compostela, e me intereso na didáctica da música formándome en diferentes correntes pedagóxicas. Comezo así a impartir clases en actividades extraescolares de música e movemento, grupos Orff e iniciación no piano.

O contacto coas crianzas lévanme a traballar como coordinadora e monitora de actividades de lecer en diferentes concellos.

O canto segue estando presente en mín. É así como me inicio na dirección coral, levando a cabo esta labor, ademais da docencia na especialidade de música nas áreas de infantil e primaria en diversas escolas.

Nalgún momento xurde a miña faceta de contacontos dando lugar ao meu primeiro conto “Baldras o Xigante”, publicado pola editorial Xerais. Con esta historia comecei o meu percorrido como contacontos, levando o espectáculo a diversos lugares da nosa xeografía.

«Xulián escoita dicir aos seus amigos na praza de Vilapedra, que un xigante está a achegarse á vila; uns din que traga lume, outros que é vermello, outros que é verde porque papa todo o lume, outros que as súas pegadas son tan fortes que retumba toda a terra…»

No ano 2013 con motivo do 150 aniversario de Cantares Gallegos, creo o espectáculo “Rosalía entre nos”, coa colaboración do grupo folclórico “A Reixeira” e a xente da vila rosaliana.

No ano 2016, en xaneiro, son nai. Alta aprendizaxe. Nas horas de amamantamento ocórrenseme historias, entre elas “A árbore calada” e “¿Isto e vida de cans?”, que pronto verán a luz.

Actualmente sego coa dirección coral de duas agrupacións no Concello de Santiago e Padrón, ademais das clases de música e movemento no mesmo concello. Ao mesmo tempo vou dando forma a novos espectáculos e continúo a miña formación vocal.

E neste camiño, vou atopando outr@s artistas c@s que gozar da música.

¿Gustaríache saber como podemos traballar xunt@s?

tortuga-4

Copyright 2019 Iolanda Eiras | Ilustración por Camilo Seira, deseno e desenvolvemento por Berta Capdevila a partir do tema Astra.